Onte cumpríronse sete anos do tráxico afundimento do Prestige e todos seguimos agardando que se tomen medidas de protección eficaces nas nosas costas.
O chamado corredor marítimo de Fisterra segue sendo a "autopista da morte" e os políticos (do anterior goberno e deste goberno) non fan nada para remedialo.
Esta semana aparecía a nova de que o Goberno de España traslada a Madrid ao grupo de expertos en verquidos destacados en Galicia; esta e outras malas novas fannos presaxiar un futuro moi "negro" na nosa costa.
Para máis inri, o pecio do Prestige ( a 220 kms. das Illas Cíes ) segue vertendo 12 litros de fuel ao día e no interior do barco afundido aínda quedan preto de mil toneladas de materia viscosa e contaminante... ¡ Que Deus nos colla confesados !RELATO DE ANA LÓPEZ:
Daqueles meses lembro moitas bágoas. Bágoas de xentes moi diferentes, que tiñan pouco en común pero que sentían coa mesma intensidade. Mariñeiros, ecoloxistas, científicos e cidadáns chorando pola mesma causa. Lembro imaxes moi duras; fotografías dun mar que se volveu negro, de praias que perderon a cor e de miles de animais agonizando preto da costa. Foron meses de duro traballo nos que cada quen aportou a súa palliña, os de aquí e moitos de fóra. Lembro os madrugóns, as carreiras moi cedo cara O Campiño para axudar a saír adiante aos paxaros, os mareos e vómitos polo hidrocarburo, as viaxes ás rochas e as pelexas porque non había monos para todos e os «eu tamén quero limpar» –en galego, en castelán e nalgún outro idioma descoñecido–. Daqueles días nos quedou o amarguexo da impotencia, a morte de Man de Camelle e as mans dos pescadores cheas de chapapote. Pero só serán iso, lembranzas; porque sete anos despois do afundimento do Prestige case nada cambiou nas políticas destinadas a combatir os desastres mariños. Máis similitudes que diferenzas caracterizan a capacidade de resposta do noso país ante un verquido, segundo un estudo sobre a loita contra a contaminación da Universidade Carlos III de Madrid. Coma se nada tivera pasado. Coma se todo quedara nun mal soño que hai que esquecer canto antes.
Más info : anosacosta, La Voz de Galicia, La Opinión, Diario de Pontevedra
No hay comentarios:
Publicar un comentario