Xa temos, en rigurosa exclusiva, nas nosas mans, a nova edición do libro " Cogomelos de Galicia " escrito polo noso amigo, veciño de Camelle e usuario do blog, Manuel Pose Carracedo ( Pitara ), Jose Manuel Castro Marcote ( Cee ) e Jose María Traba Velay ( Fisterra ).
Os autores do libro son os socios fundadores da asociación micolóxica-naturalista " Pan de Raposo ", situada na Costa da Morte.
O libro editado pola Xunta de Galicia ( Consellería do Medio Rural ) é unha nova edición do mesmo libro do 2005, pero revisada, actualizada e ampliada ( máis de 600 páxinas a todo color ); tamén contén novas fotos cunha maior calidade sacadas case todas por Manolo.
Aínda que esta obra nace na Costa da Morte, comarca con tan escasa tradición micolóxica coma rica en varidade de especies, descríbense ata 500 especies recollidas e fotografadas polos autores en diversas partes de Galicia.
Este auténtico manual de campo é útil tanto para os non iniciados coma para os especialistas, pois despois dun amplo resumo de mundo dos fungos incluíndo unhas sinxelas claves para a identificación dos xéneros, a obra continúa cunha coherente e detallada descrición das especies, sempre acompañada por fotografías e debuxos que facilitan a comprensión dos textos.
A obra complétase cunha afortunada sección gastronómica na que, despois dos mellores consellos sobre a preparación de conservas e licores, se recollen 20 receitas caseiras xunto con outras dez dos máis prestixiosos chefs da nosa comunidade, todas elas con soporte fotográfico.
Este magnífico libro estará nas librerías en breve e o prezo aínda non está definido, pero andará sobre os 25€.
Calquera que esté interesado no libro e non o atope, que me mande un correo ( sienfuejos@hotmail.com ) e eu conseguireillo.
Enlace : Pan de Raposo
2 comentarios:
Pouco podemos engadir ao que se dixo noutras ocasións sobre Manolo. Temos sorte de coñecelo e, máis aínda de que sexa de Camelle. Ademais de como sabemos que é como veciño, colega, etc.. ten unha cabeza privilexiada.Cando se centra nunha cousa, quere coñecelo absolutamente todo dela.
Todo un luxo telo en Camelle.
Completamente dacordo, Manolo ademáis de ser unha boa persoa e unha eminencia no noso pueblo.
Publicar un comentario